miércoles 10 de febrero de 2010

O amigo invisible


VENRES 12 DE FEBREIRO - ÁS 10.10H

ESPÉRANVOS A CARTEIRA E O CARTEIRO DA AMIZADE E O AMOR- Paula O. e Juan D.-, na entrada do instituto para recordarvos que:

¡¡¡ O AMIGO INVISIBLE SEGUE ESTANDO CON NÓS !!!



¿ANDANDARÁ O DEUS CUPIDO ???


Só o saberedes vendo as cartas de amor, cariño e amizade que repartan Paula e Juan.
Esperemos que estes sentimentos sigan movéndose polos latexos do corazón e pola sensacións da alma para seguir arrincándolle miles de sorrisos á vida.


ORGANIZA GRUPO DA BIBLIOTECA, EDNL E DEPARTAMENTO DE LINGUA E LITERATURA GALEGA.

martes 26 de enero de 2010

Día da Paz: 30 de xaneiro

Celebramos o día da Paz con
MÚSICA E CONTACONTOS
con
“A tropa de trapo”
presentan:
A HORA AZUL
Espectáculo de música e contacontos.



Unha muller e un home, con voces suxerentes, narran historias do Mundo Árabe, da Galiza, de Andalucía… Son historias humanas e sinceras, cheas de vida, acompañadas polo son do laúde árabe, da darbouka, da guitarra flamenca, do caixón...

Destinatarios: Todos os cursos da ESO
Data: Venres 29 de xaneiro de 2010
Hora: 9:20 a 11:20
Lugar: Salón de Actos

Organiza: Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística
Departamento de Lingua e Literatura Galega. Grupo da Biblioteca.
IES Castro da Uz. As Pontes


Como mostra desta actuación temos as intervencións de Brais e Marta, "A tropa de trapo" no obradoiro que impartiron ao noso alumnado despois da sesión de contacontos.

MOITAS GRAZAS A BRAIS E A MARTA!
O alumado de 3º e 4ºda ESO estivemos con Marta



Os alumnos e alumnas de 1º e 2º da ESO estivemos con Brais

Interpretamos os libros



Tecemos unha historia

No 2ºrecreo desenvolvemos o "Xogo da Paz", é un xogo cooperativo no que seguimos pistas, colocadas previamente, para descubrir ao remate un enigma buscando na rede datos relacionados cos premios Nobel da Paz.
Aquí estamos encontrándo as pistas, interpretándoas, descifrando o enigma e ... finalmente gañamos...!



O alumnado de 3º da ESO elaborou o "Decálogo da Paz":

Razoa antes de actuar.
Liberdade para todos e para todas.
Axudar en todo momento e facer o imposible por mellorar.
Educar o presente que será o futuro
Aprender a escoitar ata 10 +
Igualdade de xéneros, social, política, mental, étnica, relixiosa, física...
Amor ao medio que nos rodea, á vida, aos animais, ás persoas, ao que fas...
Amizade
Tolerancia
Tranquilidade á hora de APLICAR TODO ISTO.

Queremos compartir convosco unha serie de pezas musicais para celebrar este día tan emotivo.Respirade fondamente e sentide a solidariedade, o amor, a paz, o respecto....
Vede e escoitade esta recopilación de música de hoxe e de sempre...





































jueves 17 de diciembre de 2009

Os nosos talleres solidarios

Dende hai nove anos realizamos distintos talleres: coiro, reciclaxe de papel, encadernación, postais, almanaques, ... Este ano continuamos con este labor, a novidade deste ano é a cestería con papel e cartón. Xuntámonos cun grupo de alumnos/as no 2º recreo dos luns, sen eles/ elas isto non sería posible.

Con todo este material elaborado preparamos un "rastrillo solidario", os cartos que se obteñen mándanse á República Democrática do Congo a través do noso contacto, Modestine, para que un feixe de rapaces poidan realizar estudos e melloren as súas condicións de vida. Colaboramos conxuntamente co CPI Castro Baxoi de Miño. Faremos o primeiro envío (279 euros) na última semana de xaneiro co gallo do Día da Paz.

Hoxe, 18 de decembro expoñemos os nosos traballos para quen queira colaborar coa súa pequena aportación.

Moitas grazas a todos/as pola súa colaboración!

Dende o "Taller Solidario" tamén enviamos postais polo Día da Paz para a República Democrática do Congo, en galego e en swahili. Aquí tedes unhas mostras:


Recomendacións para o Nadal

O GRUPO DA BIBLIOTECA DO IES CASTRO DA UZ
e o club lector “Argalleiros das letras”
deséxanvos que gocedes destes
días de lecer...

"Ler é un pracer. Ler o que escriben os outros, unha
viaxe. Ler o que escribimos nós, un soño
compartido”

Non recomendamos lecturas por
idades porque –cremos-, as ilusións,
soños, aventuras... non entenden
diso.

Moure, Gonzalo: Palabras de caramelo, Xerais.


Kori é un neno de oito anos que só recoñece as palabras nos movementos da boca. Por iso é capaz de saber o que lle di o seu mellor amigo, un pequeno camelo ao que trata de salvar camiño dese deserto co que sempre soñou.


Hernández-Cava, F; Seguí,B.: As serpes cegas, BD Banda.


A Ben Koch búscao un home estraño que viste de vermello, mais el aínda
non o sabe porque ten a cabeza noutro lado. O propio Ben anda á súa vez na procura de alguén. Estamos en Nova York en 1939, a Guerra Civil está rematando e antes da tormenta mundial que se aproxima, algunhas contas deben ser saldadas.



Gallego, Laura: Alas negras, Laberinto.

O anxo Ahriel – Alas de fuego recobra a súa liberdade e prepárase para recomezar nun mundo medieval fantástico a procura da máxica prisión de Gorlian e poder recuperar o que deixou atrás ao fuxir.



Shaun Tan: Emigrantes,
Bárbara Fiore.
¿Que é o que leva a tanta xente a deixalo todo atrás para viaxar cara a un país descoñecido, un lugar no que non teñen familia nin amigos, onde nada ten nome e o futuro é unha incógnita?

“... unha imaxe muda invita a recrearse na estampa, nos obxectos que a compoñen, e atender á multitude de trazos do debuxo, que axuda a deixar voar a imaxinación do lector”, Shaun Tan



Yasmina Khadra: Lo que el día le debe a la noche, Destino.


Unha promesa feita en segredo, un amor imposible, unha historia torrencial e apaixonante en Arxelia desde a segunda guerra mundial ata os nosos días. Unha fermosa novela sobre a identidade, a dignidade, a amizade e o amor.



Fernández, Ana Mª: Amar e outros verbos, Everets Galicia.
25 poemas acompañados de ilustracións de Xosé Cobas que invitan a vivir e a soñar. Unha boa maneira de mergullarse na poesía.


Aneiros, Rosa: Sol de inverno,Xerais.


A protagonista, Inverno, fala consigo mesma, coa Inverno de diferentes fases da súa vida. A Inverno do presente, unha muller con problemas de memoria, diríxese á Inverno rapaza adolescente que no comezo da obra descobre ao mesmo tempo o amor e a morte, nun lugar indefinido da costa galega chamado Antes, e que se acabará convertendo na Ítaca da súa vida.


MÚSICA:


Chambau en el fin del mundo



Chambau cantou en El Perito Moreno e o espírito que os movía era puramente ecolóxico. Como dixo Lamari: “ Temos que coidar da nosa Terra. É a nosa herdanza”.


QUE O 2010 VEÑA CHEO DE ILUSIÓNS.

miércoles 9 de diciembre de 2009

A emigración: pasado e actualidade

O tema que me trae aquí é a emigración. Reflexionaremos no club de lectura, sobre a incertidume, o medo, a anguria... que move aos emigrantes.
A propósito disto móstrovos esta presentación que nos ilustra o poema de Rosalía de Castro: "Pra Habana"


viernes 4 de diciembre de 2009

Club de lectura


Hoxe 4 de decembro, no 2º período de lecer, comezamos a nosa andaina no club de lectura. Encontrámonos na biblioteca cunha proposta moi interesante, Emigrantes de Shaun Tan, unha novela gráfica. Entre todos comezamos a construír a nosa propia historia...

Invitámosvos a que veñades á nosa biblioteca o próximo mércores no 1º recreo, dende ese día seguiremos a reunirnos periodicamente.

Contamos con vós!

DATOS DO AUTOR

Shaun Tan naceu en 1974 e creceu nos arrabaldes do norte de Perth, Australia Occidental. Na escola fíxose coñecido como “o caixón de bo”. Graduouse na Universidade de Washington en 1995 con honores en Bellas Artes e Literatura inglesa. Actualmente traballa como artista independente e autor en Melbourne.
Comezou a debuxar e pintar imaxes de ciencia ficción e historias de terror en revistas de prensa cando era adolescente, e despois comezou a tratar temas sociais, políticos e históricos con imaxes surrealistas.
Obras: Los conejos, El árbol rojo, La llegada, Cuentos de la periferia, La cosa perdida, Emigrantes.

EMIGRANTES
¿Que é o que leva a tanta xente a deixalo todo atrás para viaxar cara a un país descoñecido, un lugar no que non teñen familia nin amigos, onde nada ten nome e o futuro é unha incógnita?

O libro que ides ler é unha homenaxe a todas as persoas que fixeron esa viaxe.

PARA TER EN CONTA:
- Emigrantes é unha novela gráfica. ¿Como definirías este xénero literario?
- Investiga e achega outras novelas gráficas que coñezas.
- ¿Incluirías este libro no xénero de cómic? ¿Por que?
- O libro conta a historia dun emigrante. Investiga sobre a emigración en Galicia e achega algunha obra que trate este tema.
- ¿Coñeces algunha película que trate este tema? Investiga e achega algúns títulos que che gustaría ter na túa biblioteca.
- ¿Que banda sonora lle porías a este libro?
- O libro podemos dividilo en seis partes, entre todos iremos identificándoas.

AGORA IMOS COMEZAR A GOZAR DA LECTURA SEN PALABRAS!

martes 24 de noviembre de 2009

Non á violencia de xénero


Día contra a violencia de xénero: 25 de novembro.
Durante a semana do 23 ao 27 de novembro realizamos unha serie de actividades para solidarizarnos coas mulleres maltratadas e mostrar o noso rexeitamento cara estas actitudes tan crueis.

Durante os recreos da semana RADIO RAS achegará información sobre o tema: lectura de poemas compostos polo alumnado de 1ºBAC, manifesto redactado polo curso de 3ºESO, frases relacionadas, selección de música... Na biblioteca proxectaranse vídeos que traten este tema...


Ilustración de Lucía Calvo 3º ESO


O mércores 25 repartiranse lazos para solidarizarnos con todas as mulleres que sofren esta situación. Soltaremos globos no segundo recreo do mércores: os que o desexen escribirán un nome de muller, unha palabra de solidariedade ou un desexo para recordar este día. Antes da solta de globos lerase o manifesto redactado polos alumnos e alumnas de 3ºESO e unha pequena historia sobre esta data, a cargo do alumnado de 2ºESO.

Ilustración de Ada Yanes 1º BAC


A continuación mostramos algúns destes traballos:

POEMAS

Miles de mulleres maltratadas
sofren en silencio a súa dor.
O meu corazón chora bágoas de tristeza,
frustrado ante esta inhumana discriminación.
Voces silenciosas agóchanse no medo
Intentando vencer o seu temor,
Reprimidas, desprezadas, pisoteadas...
Por un tolo que non merece perdón.
Nunha loita diaria pola supervivencia,
nun man a man entre a vida e a morte.
Apoio, axuda, comprensión, solidariedade
Necesitan as vítimas desta tortura.
Xuntos podemos poñerlle fin,
EXISTE A ESPERANZA.
Paula López Barro, 1ºBAC






As persoas golpeadas ocúltanse
gardando a súa infelicidade
e, baixo unha capa de rabia
non atopan a felicidade.
Nin presas con cadeas,
nin entre barras de aceiro,
o seu cárcere é a quen
chamaban, amor verdadeiro.
Os golpes e as patadas,
Os berros e os insultos
Fan crer aos criminais
Que son os donos do mundo.

Cristina Bocelo Galdo, 1ºBAC

Frívolo, frívolo home que son.
Miña muller reprimida, estremécese
asustada. Berra: ¡AXUDA!
Atemorizada oculta a súa agonía.
Aparece a esperanzadora XUSTIZA.
Morre a rabiosa VINGANZA.
A violenta loita APÁGASE.

Celia Díaz Ruíz, 1ºBAC

Non máis bágoas nin máis violencia,
hai que cambiar esta sentencia.
Non deixes que te maltrate e pegue,
soluciónao para que en paz te deixe.
Deixa de estar triste
e amosa
ese teu fermoso reflexo
que hai moito
que non vexo.
Ensina o teu precioso sorriso
E deixa de chorar.
Non sexas sentimental e melancólica
e busca unha situación categórica.
Mellora xa este inferno,
para que a túa vida
non se converta nun frío inverno.
Ri todo o que poidas,
non caias na desesperanza.
Sabes que cho pido por favor
Para que ¡por fin!
VIVA O TEU CORAZÓN.

Sonia Durán, 1ºBAC

Opresión,
Discriminación,
Morte,
Dor.
Pegas
Matas
Choras.
Igualdade
Familia
Amor
NACEN.

Samuel Picallo Martínez, 1ºBAC





Fronte á inxustiza,
á impotencia,
á dor:
LOITA.
Loita para empezar a cambiar,
a soñar,
a vivir.
Non máis sentimentos feridos.
Si a un futuro mellor.

Constantino Rodríguez Ramos, 1ºBAC

As mulleres maltratadas
choran sen bágoas
cando os seus maridos
as maltratan.
As súas feridas
converten as súas vidas
nun inferno de medo, sangue e escuridade.
Tremen ante os golpes,
séntense morrer e
vense nun futuro incerto
e cheo de soidade.
Borja Menéndez Fernández, 1ºBAC
Mulleres angustiadas en todo o mundo,
millóns de vítimas esquecidas
ás que lles roubaron a felicidade.
Dor de feridas sen cicatrizar,
rosas murchas,
desigualdade e discriminación;
opresión, morte e tristeza.
Cada segundo Unha muller
berra sen voz...

Alicia Cabarcos Fernández, 1ºBAC

¿Como dedicar este poema real, cru e triste
a vós, MULLERES que a luz nunca vistes?
¿A vós, LOITADORAS, que sodes raíñas ás que lles arrebataron a coroa?
Sabedes que o camiño da desesperación é longo,
pero, SUBIDE,
CONTINUADE aínda que se vos esgoten os folgos,
Silandeiras sufridoras.
Aínda que no mundo vos sintades soas,
SEGUIDE a luz que o futuro vos amosa.
SEGUIDE a esperanza nova
E ROMPEDE a inxustiza que vos afoga.
Deixade atrás as mil bágoas choradas
para non afundir nese mar de sufrimento que
nunca acaba.
¡Sede fortes
para loitar contra esa forza que tira de vós!
Sei que o fin dese escuro túnel ides atopar.
¡ Berrade, erguédevos se non queredes
que o voso corazón se sinta só!
Acabade coa inxustiza e opresión.
Sede libres e alcanzade a salvación.

Ada Yanes Penabad, 1ºBAC

Todo o seu mundo eras ti,
o da miña mellor amiga.
O mundo daquela muller
hoxe desaparecida.
O día da cerimonia,
o día máis especial,
vós chorando de alegría,
iades casar.
Ela era feliz contigo,
estaba triste sen ti,
pero pola túa repentina tolemia
agora, as cousas non son así.
Polos teus únicos problemas,
cometiches unha traizón.
Dende o primeiro golpe
ROMPÍCHESLLE O CORAZÓN.
A súa saúde empeoraches,
por iso ela se queixou.
Hai un erro nesta sociedade:
a muller sofre discriminación.
Agora xa non está.
Só unha esperanza lle queda:
que noutra vida poida
esquecer o da pasada.

Rosalía López Pita, 1ºBAC

Mulleres maltratadas
sofren en silencio día a día.
Teñen medo
e viven nun eterno sufrir,
nun sufrir que é como non vivir.
Teñen que denunciar
e nunca deixar de loitar.

Yurena Iglesias Sammartín, 1ºBAC






Desprecemos a discriminación de xénero.
Combatamos a opresión machista.
Acabemos co adxectivo de
muller maltratada.
Rexeitemos a inxustiza
e
loitemos contra a desigualdade.

Francisco Prieto Chao, 1ºBAC




MANIFESTO

SOMOS OS DEFENSORES da non violencia, da xustiza, da liberdade dos dereitos e da verdade e ESTAMOS FARTOS DE: ter que aturar día a día noticias catastróficas de mulleres asasinadas ou mutiladas a mans de” homes” que non son persoas e ver como esta cifra aumenta ano a ano. De ver que aínda hoxe as mulleres non teñen os mesmos dereitos que os homes. De ver mulleres con medo porque os homes se consideran superiores. De ver mulleres que se senten ameazadas ante unha mirada ou xesto. De ver que aínda hai mulleres que calan o seu maltrato por medo ao maltratador. De ver que estas mulleres se senten soas e non encontran apoio e comprensión na sociedade. De ver mulleres convertidas en sacos de boxeo. De ver mulleres que viven condenadas a vivir un inferno en vida. De ver que todo isto é unha cadea sen fin. E por todo isto ROGAMOS, REZAMOS, SUPLICAMOS, ORDENAMOS, ESIXIMOS, BERRAMOS QUE: Rompamos esta cadea.

Que se acaben as diferenzas entre homes e mulleres.

Que non haxa mulleres que vivan con medo,

QUE AS MULLERES POIDAN VIVIR LIBREMENTE

Que se respecten os DEREITOS HUMANOS

Que non haxa máis mulleres obxecto

Que non se sintan nunca máis inferiores a ninguén

Que recordemos que TODOS E TODAS SOMOS IGUAIS: PERSOAS.

Que acabe tanto o maltrato psicolóxico como físico.

QUE A PARTIRES DE XA, DE AGORA, NESTES MOMENTOS A MULLER POIDA VIVIR LIBREMENTE E CON DIGNIDADE.


Atentamente: os defensores da xustiza, 3ºESO do IES CASTRO DA UZ.

As Pontes 25 de novembro de 2009



As tres irmás Mirabal, eran dominicanas, nacidas en Ojo de Agua. Pertencían a unha familia que perdera case toda a fortuna cando o ditador Trujillo chegou ao poder. As tres irmás opuxéronse á ditadura, formaron un grupo chamado Agrupación Política 14 de Xuño. Dentro deste grupo eran coñecidas como “As bolboretas”. Foron encarceradas e torturadas varias veces e malia iso seguían loitando. Trujillo decidiu asasínalas o 25 de novembro de 1960. Enviou un comando militar para que as detivesen cando viñan de visitar os seus maridos na cadea. Leváronas a unhas plantacións de canas e alí foron apuñaladas varias veces e estranguladas. Logo, leváronas de novo no coche e tiráronas por un barranco no vehículo para semellar un accidente. No Primeiro Encontro Feminista Latinoamericano de 1981, en Bogotá (Colombia), a Delegación Dominicana propuxo a elección do 25 de novembro como o día da loita contra a violencia de xénero. O 17 de decembro de 1999 a Asamblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller en conmemoración do sacrificio das irmás Mirabal.

Francisco Xosé Corral Fresco, 2º ESO


¡Atrévete a dicilo, entre todos protexerémoste!

¡A violencia de xénero é de covardes!

¡Non a violencia de xénero, si á vida!

¡Homes e mulleres temos dereito á vida!


2º ESO
CARTA AO DIRECTOR

DÍA 25 DE NOVEMBRO

Aínda hoxe se segue asociando á muller coa persoa encargada de estar na casa e coidar dos fillos. Por que? A razón é que fomos criados nun mundo machista, no que nos vemos obrigadas a vivir baixo a “soberanía” do home. Quero dicir con isto que a discriminación da muller só se atopa na desigualdade no mundo laboral? Non, quizás esa sexa a nosa discriminación, a das mulleres que temos a sorte de vivir en países desenvolvidos. Pero, que é a discriminación para aquelas mulleres que viven en países subdesenvolvidos? Sen dúbida unha bastante máis dura cá nosa, unha situación que as leva a “unha morte prematura”. Cada ano millóns de mulleres “desaparecen”, son apadumadas, violadas, sometidas a todo tipo de vexacións sen que ninguén faga nada por evitalo, e o que é peor, por impoñer xustiza. Esta é a crúa realidade, unha realidade que temos diante dos nosos ollos e que parece que ignoramos. “Millóns de nenas chinesas son secuestradas e levadas a bordeis cada ano”; “centenares de mulleres africanas sofren a fístula obstétrica cun posterior rexeitamento, incluso, da súa familia”. Ao ler este tipo de noticias, as miñas preguntas son moitas: ¿ Cal se supón que é entón a prioridade da Organización Mundial da Saúde?, ¿ E a nosa?, ¿Como é posible que non fagamos nada? ¿Como podemos ser tan egoístas? O certo é que parece que só nos importa a nosa comodidade. A discriminación de xénero non é algo que poidamos amañar dun día para outro, de feito, penso que vai ser unha tarefa difícil e longa. Pero está claro que non conseguiremos nada se nos cruzamos de brazos. O que temos que facer é loitar e rebelarnos ante estas desigualdades, e o máis importante: educar os nosos fillos con outra mentalidade para que eles e elas non teñan que seguir recordando un 25 de novembro por este motivo.

Andrea Fraga Arnoso, 1ºBAC