17
DE MAIO DE 2020
DÍA
DAS LETRAS GALEGAS
RICARDO CARBALLO (CARVALHO)
CALERO
Estimado alumnado do
IES Plurilingüe Castro da Uz:
Antes de nada, desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega,
desde o Club de Lectura Argalleiros e Argalleiras das Letras e desde o
Departamento de Lingua Galega e Literatura queremos agradecervos a
ampla participación nesta proposta nosa. Son uns
traballos magníficos, que vos fixeron saír da vosa zona confortable para
demostrarnos unha fantástica creatividade.
Todas as actividades
presenciais que tiñamos previstas para conmemorar ese día víronse adiadas ou
suprimidas e, cavilando a maneira de celebrar esa efeméride e a das Letras
Galegas en xeral, ocorréusenos unha argallada relacionada coas TIC, esas
tecnoloxías da información que estamos a descubrir e das que temos que botar
man para o desenvolvemento do noso labor como docentes e das que estamos
aprendendo moito coa vosa axuda inestimable.
A argallada, como
vistes, consistiu nun Booktrailer
sobre un libro de lectura, do que estabades a ler ou dun que tivésedes a man. E
claro... que era iso do booktrailer? Pois un vídeo con música, imaxes,
texto e, por veces, mesmo actores que lles dan aos futuros lectores unha idea
do que é un libro, co obxectivo de animalos á súa lectura.
Pretendiamos desta maneira, tamén, que reflexionásedes sobre as lecturas e que
ao tempo sintetizarades os
argumentos para intentar reflectir
visualmente unha historia e animar á súa lectura.
Estamos seguras de que Ricardo Carballo Calero se sentiría orgulloso do voso traballo xa que el tamén se dedicou á docencia e durante uns anos dirixiu o Colexio Fingoi de Lugo, que constituíu un viveiro de innovación educativa no medio do escurantista panorama do franquismo.
Da súa vida podemos dicir que mantivo contacto co galeguismo
artellado arredor do Seminario de Estudos Galegos (alumnado de 4º ESO,
lembrades?), que cultivou unha estreita relación con Vicente Risco, Castelalo,
Ramón Otero Pedrayo e outros mestres da Xeración Nós e que nesta etapa tamén
redactou un manifesto sobre a galeguización da universidade e
participou na fundación do Partido Galeguista e no proceso de redacción
do Estatuto de Autonomía para Galicia (4º ESO, seguides lembrando ou xa
non?).
O
noso autor homenaxeado colabora coa Editorial Galaxia e participa na primeira
edición da Colección Grial da que é membro do consello de redacción e
constante colaborador da revista Grial desde
a súa saída en 1963 ata 1989, pouco antes do seu pasamento.
Foi membro
da Real Academia Galega (si, esa que sacou un dicionario en liña e que
vos obrigamos a consultar cando non sabedes o significado dunha palabra) e,
máis adiante sería un dos redactores das primeiras normas ortográficas e morfolóxicas
aprobadas por esta institución (1970-71).
En
1965 incorpórase á docencia da Universidade de Santiago de Compostela, da que
foi o primeiro docente das materias de Lingua e Literatura Galegas,
que se acababan de introducir como optativas nos programas universitarios; e en
1972 convértese no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas.
Durante as últimas
décadas da súa vida mantén unha intensa actividade como articulista e
colaborador en prensa, residindo de xeito permanente en Santiago de Compostela,
onde faleceu en 1990. O seu labor foi recoñecido nestes anos dentro e fóra de
Galicia. En 1981 foi nomeado membro da Academia das Ciencias de
Lisboa e en 1984 recibiu a Medalla Castelao.
A
súa obra de creación literaria suma uns vinte libros. Como narrador publicou A xente da Barreira (1951)
que é a primeira novela en galego da posguerra, cunha historia centrada nunha
saga fidalga do rural; Scórpio (1987),
na que retrata a xeración dos vencidos na Guerra Civil e considerada en certos
aspectos autobiográfica e relatos curtos. Tamén cultivou a poesía, con títulos
como Vieiros (1931), O silenzo axionllado (1934), Anxo de terra (1950), Poemas pendurados dun cabelo (1952), Salterio de Fingoy (1961),
o volume antolóxico Pretérito
imperfeito (1980), Cantigas
de amigo e outros poemas (1986) ou Reticências (1990).
Como dramaturgo
escribiu: Catro pezas: A
sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A arbre, Auto do prisioneiro (1971), Teatro completo (1982).
Carballo Calero é
ademais autor da Gramática elemental del gallego común (Galaxia,
1966), manual de referencia para as primeiras xeracións de estudantes de lingua
galega e que atinxiu unha gran difusión, ata chegar ás sete edicións. A de
1979, a derradeira, ten cambios importantes na ortografía e en escollas léxicas
e, sobre todo, morfolóxicas a raíz do cambio na concepción de Carballo sobre o
que debería ser o galego culto, xa que desde mediados da década dos 70 pasou a
defender a adopción dunha ortografía próxima á portuguesa para o galego e a
aceptación do portugués como referencia fundamental do galego estándar. A partir
desas datas empeza a asinar como Ricardo Carvalho Calero. Os seus traballos
lingüísticos e a exposición e propostas de orientación reintegracionista foron
recollidos en volumes como Problemas
da Língua Galega (Lisboa, 1981), Da fala e da escrita (1983)
e Do galego e da Galiza (1990).
Resumindo e xa para finalizar direivos que este ano ao señor
Carballo Calero lle saíu unha forte competencia.
Noraboa e moitas grazas!
No hay comentarios:
Publicar un comentario