miércoles, 3 de junio de 2026

Letras Galegas 2026 - Obradoiro con Estíbaliz Espinosa 🖊🌟☄

Para rematar coas actividades en relación á celebración das Letras Galegas 2026, recibimos no noso centro e na nosa biblioteca á autora Estíbaliz Espinosa, que nos guiou nuns obradoiros arredor das estrelas, a poesía, a mitoloxía e Begoña Caamaño. 

Coñecemos diferentes mitos que tentan explicar a orixe de moitas das cousas que hoxe nomeamos, como pode ser a vía láctea; e participamos na creación de poemas con motivos astronómicos. Ademais, tivemos tempo para dialogar sobre a próxima eclipse deste verán (12 de agosto) e sobre a contaminación do noso ceo e do que esta nos priva. 

Grazas Estíbaliz, por traernos tanta ilusión e converternos en poetas por unha tarde, e por agasallarnos cun exemplar teu asinado! Grazas á AELG pola oferta e concesión destes talleres sempre tan interesantes! Agardamos xa polas letras 2027 💭




Coñecendo a Begoña 🔍📖

Seguindo coa celebración das Letras Galegas 2026, e aproveitando os materiais recibidos na biblioteca e expostos no corredor do instituto, o alumnado de 3º ESO participou nunha investigación polos espazos exteriores do instituto na que tiveron que responder unha serie de preguntas sobre a vida e obra de Begoña Caamaño, escritora homenaxeada neste ano 2026. 

A búsqueda organizouse como un xogo por parellas no que resultaron premiados Mario López e Pablo Mariño, pois resultaron ser a parella máis rápida e eficaz na correcta resolución das cuestións indicadas. Como premio, desfrutaron dunhas ricas lamboadas! Parabéns, rapaces!





Formación Clubs de Lectura 25/26 💭📝📌

O mércores 29 de abril o profesorado responsable de biblioteca e club de lectura achegouse a Santiago de Compostela para participar nas XVIII Xornadas dos Clubs de Lectura, organizados pola rede de Bibliotecas Escolares de Galicia. Alí recoñeron a Manuel Rivas como o autor máis lidos nos clubs escolares no curso anterior e compartiron con el poesía, reflexións e agradecementos de maneira virtual. Nas seguintes sesións reflexionouse sobre a importancia da lectura nos diferentes niveis educativos e tamén sobre a creación de redes lectoras fóra destes centros, en espazos como poden ser as librarías ou as bibliotecas municipais; dando lugar a actividades e propostas coma os premios Mandarache en Murcia, sobre os que nos ilustrou Alberto Soler. 

Tamén se compartiron experiencias intercentros, o que serviu para dar e recoller ideas entre o profesorado de cara a futuras actuacións en colaboración con outras institucións; amais de presentarse a plataforma en rede do libro galego, M8 por ler. Clausuraron a xornada as testemuñas máis importantes de todo este proceso e colectivo: o alumnado de diferentes centros educativos, que subiu ao escenario para contar a súa viaxe por e cos libros nos clubs de lectura dos que participaron. 

Volvemos á casa con moitas novas ideas para poñer en práctica no vindeiro curso escolar! 



Letras Galegas 2026: Begoña e as nosas letras✏

Para comezarmos a celebrar a semana das letras no noso IES, o alumnado de 1º e 3º ESO, en colaboración co Departamento de EPVA, creou un mural en homenaxe á figura galardoada: Begoña Caamaño. Arredor dela colocaron lecturas galegas e/ou de autores/as galegos/as que marcaron a nosa historia, para lembrarmos que estas obras sempre nos acompañan, na aula e fóra dela. Deste xeito, a biblioteca converteuse nun espazo de creación artística arredor das letras unha vez máis. 🖌

De igual modo, habilitamos unha sección de pasatempos arredor das letras galegas e da autora homenaxeada, que tiveron grande éxito entre o noso alumnado (e profesorado!) durante os períodos de lecer. 💡🧩


                   

Medren as letras no Castro un ano máis! 

🔎Escape room literario - 1º ESO 🔍

Logo da lectura do seu libro de club, os e as argallantes de 1º ESO tamén puideron desfrutar dunha sesión de escape room arredor do libro O misterio de Portomarín, de Antía Yáñez. Desta volta, resolveron enigmas en relación coa obra e axudaron a atopar a solución á dúbida sobre unha das mortes máis famosas da vila: quen fora aquela muller cuxo óso atopara Venres, o can dos protagonistas? Grazas á súa agudeza e rapidez coas diferentes pistas, esta rapazada deu coa resposta axiña e converteuse na heroína de Portomarín! 

Misterio resolto outra vez máis! 🔍




martes, 2 de junio de 2026

Viaxe Club de Lectura - Cantabria 2026! 🌄🚌📖

A actividade central do día do libro, como nos últimos anos, foi a tan agardada viaxe de club de lectura. Nesta ocasión, o destino escollido foi Cantabria, un paraíso cultural e paisaxístico no norte🏔. 

O primeiro día marchamos do instituto con moito sono pero tamén moitas ganas de coñecer e compartir. Nesta xornada visitamos Comillas e o seu capricho de Gaudí, así como os exteriores do Palacio de Sobrellanos e o casco histórico da vila, mostra da arquitectura tradicional cántabra. 


                            



















O segundo día aproveitamos para achegarnos á zona de Liérganes, localidade famosa pola antiga fábrica de canóns que abastecía á Armada Española e polo seu balneario e fontes termais. Alí coñecemos a lenda do home peixe e visitamos a súa estatua. De camiño a Liérganes e na ruta cara a Santillana fixemos unha visita panorámica e guiada da zona, na que aprendemos sobre o sistema de cultivos e pastoreo cántabros, na zona interior, a 30km do literal. Ademais da agricultura e da gandería, tamén escoitamos a importancia do sector mineiro na comunidade, actividade que se desenvolvía na área do actual parque de Cabárceno 🐅.  Xa en Santillana, coñecemos a historia do bisonte de Altamira e do marqués que dá nome á localidade, cuxa casa no seu casco histórico data do S.XVI. Visitamos tamén o parador de Gil Blas e a colexiata de Santillana. 


Na terceira xornada achegámonos a Santander, capital da comunidade e cidade peninsular rodeada polas praias do Sardinero. Alí comezamos visitando o Palacio de la Magdalena, residencia de verán da familia real ata o 1930, hoxe convertida en universidade de verán. Nos seus exteriores viaxamos en tren turístico, que tivo unha gran acollida entre o noso alumnado! O remate deste percorrido sorprendeunos cun minizoo con dous recintos nos que coñecemos 4 focas e 2 pingüíns africanos. Logo de desfrutar observándoos, continuamos cara ao centro de Santander, onde visitamos a escola de náutica, o CAR, o barrio do Ensanche e o paseo de Pereda, escritor cántabro. Da historia da cidade sorprendeunos e conmocionoumos o incendio de 1941, que destruíu a parte histórica e cuxo recordo invade Santander de monumentos e informacións sobre o suceso. Nesta contorna coñecemos a casa consistorial e as rúas comerciais anexas a elas, como a Santa Clara coa súa igrexa, ou a praza Nueva ou de Velarde. Desde alí, inicio da cidade nova, chegamos ao Centro Botín, para logo xantar e desfrutar dunha tarde nas principais librarías da cidade e facer honra á data: 23 de abril 📖. 




Para rematar coa nosa viaxe, xa de camiño á casa, erguémonos para desfrutar do último día de visitas: a Neocueva de Altamira e as súas pinturas rupestres. Logo de xantar, rematamos a viaxe cultural nas cuevas del Soplao, onde contemplamos as súas estalactitas e estalagmitas e coñecemos a orixe e historia da cova. 



Rematamos a nosa viaxe moi cansos e cansas pero xa coa vista posta no próximo curso e en todas as aventuras que nos acompañarán no remate deste e comezo do seguinte. Queremos dar as grazas á Anpa Ronsel do IES Castro da Uz, á Coordinadora de Anpas Abrente das Pontes e ao concello das Pontes, institucións que fixeron posibles moitas das actividades das que desfrutou o noso alumnado nesta experiencia. Do mesmo xeito, agradecemos ao profesorado colaborador e participante nestas actividades, sen cuxa vontade e ilusión non poderiamos seguir organizando este tipo de experiencias que consideramos de grande axuda para o desenvolvemento persoal e cultural do noso alumnado. 

VÉMONOS ENTRE AS PÁXINAS CON NOVAS AVENTURAS!





Día do Libro - Mural d@s argallantes! 🖌

Outra das actividades do día do libro foi a elaboración, en colaboración co departamento de Educación Plástica e Visual, dun mural no que recolleron os títulos dos seus libros favoritos, xunto con citas dos mesmos. Deste xeito, a entrada do noso instituto encheuse de literatura por unha semana, para logo acompañar á comunidade educativa no seu día a día polos corredores do centro. 

✏Grazas por encher a vida de letras! 🖌



Día do libro - Porta literaria 📖📌

Unha das actividades que o equipo de biblioteca propuxo para o Día do Libro 2026 foi a elaboración dun mural na porta da biblioteca no que o profesorado expoñía os seus libros favoritos da infancia e adolescencia a carón dunha imaxe súa naquela época. Isto converteuse nun xogo para o alumnado, que tentou adiviñar (con máis e menos acerto) quen se agochaba detrás de cada portada e de cada retrato do pasado. 

Unha iniciativa con tan boa acollida que continuará decorando a entrada á nosa biblio ata o remate do curso! 

                   


📖 💭🔊 Charla Día do Libro 2026💭🔊📖

Para celebrarmos o día do libro neste curso 25/26 recibimos unha visita moi especial na nosa biblioteca: a da nosa exalumna Paula Rodríguez Fornos, quen nos acompañou para explicar o proceso de creación dos seus libros recén publicados. Paula comezou a ser escritora neste instituto e achegouse para contarnos como foron os seus inicios e como estaba vivindo o feito de converterse en escritora neste último ano, así como animou aos e ás argallantes a iniciarse na escrita literaria. 

O noso alumnado tivo a oportunidade de trasladarlle dúbidas e inquedanzas sobre todo este proceso creativo e mesmo sobre as súas intencións e preocupacións literarias e mesmo gañou algún premio pola súa participación! 🏆 Grazas, Paula, polos teus consellos e a túa ilusión de volver á casa, seguímoste moi de preto! 👀❤





Escape room literario 🔎

 Xa preto do remate do Club de Lectura 25/26, e unha vez lida a obra escollida para o grupo de 3º ESO, Tres Catorce Dezaseis, de Arantza Portabales, os e as argallantes deste curso adentráronse de novo na historia para axudar a pechala a través da resolución de pistas que levaban á verdadeira culpable. Para iso, a nosa biblioteca e a radio do IES convertéronse en espazos de investigación dos diferentes retos a superar, se ben o noso alumnado demostrou estar á altura dos enigmas e descifrounos todos, conseguindo o seu obxectivo! 🔎

Proba superada e lectura ben consolidada!