A actividade central do día do libro, como nos últimos anos, foi a tan agardada viaxe de club de lectura. Nesta ocasión, o destino escollido foi Cantabria, un paraíso cultural e paisaxístico no norte🏔.
O primeiro día marchamos do instituto con moito sono pero tamén moitas ganas de coñecer e compartir. Nesta xornada visitamos Comillas e o seu capricho de Gaudí, así como os exteriores do Palacio de Sobrellanos e o casco histórico da vila, mostra da arquitectura tradicional cántabra.


O segundo día aproveitamos para achegarnos á zona de Liérganes, localidade famosa pola antiga fábrica de canóns que abastecía á Armada Española e polo seu balneario e fontes termais. Alí coñecemos a lenda do home peixe e visitamos a súa estatua. De camiño a Liérganes e na ruta cara a Santillana fixemos unha visita panorámica e guiada da zona, na que aprendemos sobre o sistema de cultivos e pastoreo cántabros, na zona interior, a 30km do literal. Ademais da agricultura e da gandería, tamén escoitamos a importancia do sector mineiro na comunidade, actividade que se desenvolvía na área do actual parque de Cabárceno 🐅. Xa en Santillana, coñecemos a historia do bisonte de Altamira e do marqués que dá nome á localidade, cuxa casa no seu casco histórico data do S.XVI. Visitamos tamén o parador de Gil Blas e a colexiata de Santillana.

Na terceira xornada achegámonos a Santander, capital da comunidade e cidade peninsular rodeada polas praias do Sardinero. Alí comezamos visitando o Palacio de la Magdalena, residencia de verán da familia real ata o 1930, hoxe convertida en universidade de verán. Nos seus exteriores viaxamos en tren turístico, que tivo unha gran acollida entre o noso alumnado! O remate deste percorrido sorprendeunos cun minizoo con dous recintos nos que coñecemos 4 focas e 2 pingüíns africanos. Logo de desfrutar observándoos, continuamos cara ao centro de Santander, onde visitamos a escola de náutica, o CAR, o barrio do Ensanche e o paseo de Pereda, escritor cántabro. Da historia da cidade sorprendeunos e conmocionoumos o incendio de 1941, que destruíu a parte histórica e cuxo recordo invade Santander de monumentos e informacións sobre o suceso. Nesta contorna coñecemos a casa consistorial e as rúas comerciais anexas a elas, como a Santa Clara coa súa igrexa, ou a praza Nueva ou de Velarde. Desde alí, inicio da cidade nova, chegamos ao Centro Botín, para logo xantar e desfrutar dunha tarde nas principais librarías da cidade e facer honra á data: 23 de abril 📖.



Para rematar coa nosa viaxe, xa de camiño á casa, erguémonos para desfrutar do último día de visitas: a Neocueva de Altamira e as súas pinturas rupestres. Logo de xantar, rematamos a viaxe cultural nas cuevas del Soplao, onde contemplamos as súas estalactitas e estalagmitas e coñecemos a orixe e historia da cova.
Rematamos a nosa viaxe moi cansos e cansas pero xa coa vista posta no próximo curso e en todas as aventuras que nos acompañarán no remate deste e comezo do seguinte. Queremos dar as grazas á Anpa Ronsel do IES Castro da Uz, á Coordinadora de Anpas Abrente das Pontes e ao concello das Pontes, institucións que fixeron posibles moitas das actividades das que desfrutou o noso alumnado nesta experiencia. Do mesmo xeito, agradecemos ao profesorado colaborador e participante nestas actividades, sen cuxa vontade e ilusión non poderiamos seguir organizando este tipo de experiencias que consideramos de grande axuda para o desenvolvemento persoal e cultural do noso alumnado.
VÉMONOS ENTRE AS PÁXINAS CON NOVAS AVENTURAS!
No hay comentarios:
Publicar un comentario