lunes, 22 de diciembre de 2025

Amigo invisible de libros 📚🎁

Para pechar o primeiro trimestre, e como xa é tradición no noso IES, botamos a andar, a comezos de mes, o amigo invisible de libros na nosa biblioteca. Durante as primeiras semanas colocamos unha urna para que quen quixera participar anotara o seu nome nun papel. Á volta da ponte da Constitución, o Equipo de Biblioteca sorteou os cruzamentos de amigos invisibles e avisou a cada persoa de quen era o seu amigo invisible, para que puidera escollerlle un libro da biblioteca a fin de prestarllo durante o descanso de Nadal. 

Outras das tarefas do profesorado do Equipo de Biblioteca foi asesorar aos e ás participantes sobre os gustos ou desexos de lectura do/a seu/súa amigo/a invisible, ademais de rexistrar, gardar e envolver os libros para logo agasallalos o venres, 19 de decembro, como colofón das actividades de Nadal da biblioteca. Ademais, elaborouse unha árbore de libros que presidiu a entrega dos agasallos. 

Coma nos anos anteriores, foi unha actividade moi gratificante e que tanto alumnado como profesorado desfrutou compartindo e descubrindo, tamén, quen agasallara a quen. 

Pechamos aquí o trimestre, moi agradecidas do traballo e colaboración de toda a comunidade educativa coas actividades de biblioteca! 




Nadal no Club de Lectura! 📚🎄

O último día de Club de Lectura cos e coas Argallantes das Letras de 1º e 2º ESO dedicámonos a unha actividade de creación literaria en grupo. O alumnado dividiuse en catro grupos para crear as súas historias de Nadal coa particularidade de que non só podían ler o que escribira a persoa anterior, non as demais. Pouco a pouco, fóronse escribindo historias con certa coherencia e cohesión, aínda que tamén moi divertidas! 

Para rematar, lemos as historias de cada grupo e gozamos dunha sesión de lectura diferente pero moi gratificante coa que despedimos o primeiro trimestre no Club! 

         


I Concurso de postais de Nadal 🔖

Unha das actividades que propuxo o Equipo de Biblioteca no mes de decembro para fomentar a lectoescritura do noso alumnado ao tempo que desfruta no lecer foi o primeiro certame de postais de Nadal. Así pois, os e as argallantes debían de elaborar postais felicitando as festas, resultando premiadas aquelas máis creativas; mais había un requisito para participar: todas as postais debían de conter unha mensaxe para unha persoa do IES á que se lle repartiu o último día do trimestre. 

Logo dun proceso de selección, as gañadoras do concurso foron: 

      • 1º premio: Elena López Castro, de 2º ESO B
      • 2º premio: Adriana Castro Vázquez, de 1º ESO 
      • 3º premio: Lía Giz Carballo, de 2º ESO B


As tres alumnas recibiron cadanseu diploma acreditativo, vales para cafetería e un adorno de Nadal coa súa inicial para colgar nas súas árbores, elaborado grazas ás ferramentas e materiais de #PolosCreativos. Ademais, a postal gañadora converteuse na felicitación de Nadal do IES a toda a súa comunidade educativa e demais colaboradores no proceso educativo do noso alumnado 🎄

Parabéns ás premiadas e grazas a todos os participantes! 


Postais participantes no concurso












Postais gañadoras do certame, por orde de premio 

        




























                                                       1º premio: Elena López Castro 

Obradoiros de manualidades de Nadal! 🖌

Ao longo do mes de decembro, os argallantes adicaron parte do seus leceres a desfrutar da realización dunha serie de manualidades para axudar ao Equipo de Biblioteca a decorar o noso espazo de cara á última semana do trimestre, na que nos vestimos e adornamos seguindo uns retos de Nadal propostos para todo o IES. Así pois, elaboramos postais, bonecos de Nadal, elementos para o photocall e colocamos un elfo á entrada e unha tea de Nadal ao fondo, que serviu como espazo fotográfico.

Queremos facer unha mención especial para o alumnado e profesorado do ciclo de Soldadura e Caldeiraría, que nos agasallou cun buzón xa decorado para o Nadal, onde o noso alumnado enviou as postais que foi elaborando. 

Grazas a toda a comunidade educativa por colaborar para poñer a punto a biblioteca para celebrar o Nadal! Aquí vos deixamos algunhas imaxes do proceso e o desfrute dos argallantes! 🎅🎄🎉










Os argallantes preparando o Nadal








Decorando a biblio                 Buzón elaborado en Soldadura          Unha das nosas "argalladas"


       

                      

Desfrutando no noso photocall de Nadal! 





Calendario de advento da biblio 🗓

Para comezar o mes de decembro, o Equipo da Biblioteca elaborou un calendario de advento inserido tamén no Plan Proxecta Donas de si. Nel, o alumnado descubriría unha cita diaria dunha muller, maiormente figuras galegas, referente á disciplina cultivada ao longo da súa vida laboral. Os e as argallantes achegáronse así ás palabras de Marisol Soengas, Xela Arias, Rosalía de Castro, Concepción Arenal, María Casares, Maruja Mallo, Elena Ferro ou Amparo Alonso, ao mesmo que tempo que recollían un agasallo de Nadal 🎁. 

Con esta actividade pretendemos fomentar o coñecemento de figuras de relevancia, especialmente femininas, a través dun xeito diferente de achegarnos á súa vida e ás súas palabras, propiciando que os rapaces e rapazas se interesen e lean informacións sobre mulleres galegas que non debemos de esquecer 💜. Do mesmo modo, serviunos de inicio das actividades de Nadal 2025! 





sábado, 13 de diciembre de 2025

Argallantes fronte á violencia 💜

O martes, 25 de novembro, a nosa biblioteca vestiuse de lila e negro para unirse á loita contra á violencia de xénero e recoller as achegas que o alumnado foi creando ao longo destas últimas semanas. Tamén puidemos desfrutar da exposición de pósters reivindicativos da materia de Expresión Artística, acompañados dos carteis con datos e estatísticas elaborados polos argallantes do Club de Lectura. Deixámosvos aquí as imaxes das galardoadas polos seus carteis do 25N, que recibiron, amais dun diploma acreditativo e vales para a cafetería, un chaveiro deseñado en Polos Creativos para a ocasión💜

Ademais, alumnas de 2º ESO redactaron na biblio un manifesto feminista en lembranza das vítimas e contra a violencia, que logo  leron no pavillón do IES para o resto do alumnado do centro, creando un espazo de solidariedade feminina. Parabéns, rapazas, sodes referentes para as que virán! 💪












Lectura do manifesto 25N: Elena López, Emma Salvatierra e Lía Giz (2º ESO B)



















Entrega de premios de carteis 25N: diplomas, vales e chaveiro elaborado en #PolosCreativos: 
  • 1º PREMIO: Kinga Prieto e Ana García (3º ESO)
  • 2º PREMIO: Adriana Castro (1º ESO)
  • 3º PREMIO: Noa Mirad (3º ESO)

Parabéns ás premiadas e ás creadoras do manifesto e moitas grazas á comunidade educativa do noso IES por participar e axudar a seguirmos debuxando o noso Castro da Igualdade




viernes, 12 de diciembre de 2025

Xornadas contra á violencia no Club de lectura💜

Nas semanas previas ao 25N, os membros dos nosos clubs de lectura achegáronse a poemas arredor da violencia machista escritos por poetas como Marta Dacosta, Olga Novo ou Carlos Negro. A través destas composicións reflexionamos sobre a igualdade, a liberdade e a necesidade de mantermos unha sociedade respectuosa cos demais sen importar o seu xénero. 

A continuación, procuramos informacións oficiais sobre a violencia de xénero e o seu impacto nas sociedades galega e española, o que nos abriu camiño para un posterior debate sobre algúns dos casos e sobre os medos que isto nos produce, en especial, ás rapazas dos clubs, moi conscientes dos micromachismos que aínda hoxe tendmeos a invisibilizar. 

Finalmente, elaboramos cartaces cos titulares recollidos e con desexos para un mundo máis libre, xusto e igualitario💜🌎💪






jueves, 13 de noviembre de 2025

Novembro, mes da ciencia na biblio! 🌌

O mes de novembro chega cargado de celebracións e conmemoracións! 🎉

Entre elas, comezamos xa coa celebración do mes da ciencia na biblio. O noso expositor conta xa con algúns dos títulos máis atractivos para mergullármonos nos saberes da física, a bioloxía, a química ou a matemática. Cal che resulta máis chamativo? 


Ademais, o alumnado de 1º da ESO, na materia de Bioloxía, creou uns fermosos marcapáxinas utilizando a técnica de antotipias, un proceso fotográfico natural 🌞 Para iso, usaron pigmentos extraídos de cúrcuma, espinacas e remolacha e o sol fixo o resto! Despois de varios días de exposición, as cores e as formas quedaron así de bonitas 🧡💚🩷 

Grazas, profe Iria, por achegarnos á ciencia para gozar de lecturas moito máis agradables! 📚🌱