martes, 24 de noviembre de 2009

Non á violencia de xénero


Día contra a violencia de xénero: 25 de novembro.
Durante a semana do 23 ao 27 de novembro realizamos unha serie de actividades para solidarizarnos coas mulleres maltratadas e mostrar o noso rexeitamento cara estas actitudes tan crueis.

Durante os recreos da semana RADIO RAS achegará información sobre o tema: lectura de poemas compostos polo alumnado de 1ºBAC, manifesto redactado polo curso de 3ºESO, frases relacionadas, selección de música... Na biblioteca proxectaranse vídeos que traten este tema...

Ilustración de Lucía Calvo 3º ESO





O mércores 25 repartiranse lazos para solidarizarnos con todas as mulleres que sofren esta situación. Soltaremos globos no segundo recreo do mércores: os que o desexen escribirán un nome de muller, unha palabra de solidariedade ou un desexo para recordar este día. Antes da solta de globos lerase o manifesto redactado polos alumnos e alumnas de 3ºESO e unha pequena historia sobre esta data, a cargo do alumnado de 2ºESO.
Ilustración de Ada Yanes 1º BAC


A continuación mostramos algúns destes traballos:

POEMAS

Miles de mulleres maltratadas
sofren en silencio a súa dor.
O meu corazón chora bágoas de tristeza,
frustrado ante esta inhumana discriminación.
Voces silenciosas agóchanse no medo
Intentando vencer o seu temor,
Reprimidas, desprezadas, pisoteadas...
Por un tolo que non merece perdón.
Nunha loita diaria pola supervivencia,
nun man a man entre a vida e a morte.
Apoio, axuda, comprensión, solidariedade
Necesitan as vítimas desta tortura.
Xuntos podemos poñerlle fin,
EXISTE A ESPERANZA.
Paula López Barro, 1ºBAC






As persoas golpeadas ocúltanse
gardando a súa infelicidade
e, baixo unha capa de rabia
non atopan a felicidade.
Nin presas con cadeas,
nin entre barras de aceiro,
o seu cárcere é a quen
chamaban, amor verdadeiro.
Os golpes e as patadas,
Os berros e os insultos
Fan crer aos criminais
Que son os donos do mundo.

Cristina Bocelo Galdo, 1ºBAC

Frívolo, frívolo home que son.
Miña muller reprimida, estremécese
asustada. Berra: ¡AXUDA!
Atemorizada oculta a súa agonía.
Aparece a esperanzadora XUSTIZA.
Morre a rabiosa VINGANZA.
A violenta loita APÁGASE.

Celia Díaz Ruíz, 1ºBAC

Non máis bágoas nin máis violencia,
hai que cambiar esta sentencia.
Non deixes que te maltrate e pegue,
soluciónao para que en paz te deixe.
Deixa de estar triste
e amosa
ese teu fermoso reflexo
que hai moito
que non vexo.
Ensina o teu precioso sorriso
E deixa de chorar.
Non sexas sentimental e melancólica
e busca unha situación categórica.
Mellora xa este inferno,
para que a túa vida
non se converta nun frío inverno.
Ri todo o que poidas,
non caias na desesperanza.
Sabes que cho pido por favor
Para que ¡por fin!
VIVA O TEU CORAZÓN.

Sonia Durán, 1ºBAC

Opresión,
Discriminación,
Morte,
Dor.
Pegas
Matas
Choras.
Igualdade
Familia
Amor
NACEN.

Samuel Picallo Martínez, 1ºBAC





Fronte á inxustiza,
á impotencia,
á dor:
LOITA.
Loita para empezar a cambiar,
a soñar,
a vivir.
Non máis sentimentos feridos.
Si a un futuro mellor.

Constantino Rodríguez Ramos, 1ºBAC

As mulleres maltratadas
choran sen bágoas
cando os seus maridos
as maltratan.
As súas feridas
converten as súas vidas
nun inferno de medo, sangue e escuridade.
Tremen ante os golpes,
séntense morrer e
vense nun futuro incerto
e cheo de soidade.
Borja Menéndez Fernández, 1ºBAC
Mulleres angustiadas en todo o mundo,
millóns de vítimas esquecidas
ás que lles roubaron a felicidade.
Dor de feridas sen cicatrizar,
rosas murchas,
desigualdade e discriminación;
opresión, morte e tristeza.
Cada segundo Unha muller
berra sen voz...

Alicia Cabarcos Fernández, 1ºBAC

¿Como dedicar este poema real, cru e triste
a vós, MULLERES que a luz nunca vistes?
¿A vós, LOITADORAS, que sodes raíñas ás que lles arrebataron a coroa?
Sabedes que o camiño da desesperación é longo,
pero, SUBIDE,
CONTINUADE aínda que se vos esgoten os folgos,
Silandeiras sufridoras.
Aínda que no mundo vos sintades soas,
SEGUIDE a luz que o futuro vos amosa.
SEGUIDE a esperanza nova
E ROMPEDE a inxustiza que vos afoga.
Deixade atrás as mil bágoas choradas
para non afundir nese mar de sufrimento que
nunca acaba.
¡Sede fortes
para loitar contra esa forza que tira de vós!
Sei que o fin dese escuro túnel ides atopar.
¡ Berrade, erguédevos se non queredes
que o voso corazón se sinta só!
Acabade coa inxustiza e opresión.
Sede libres e alcanzade a salvación.

Ada Yanes Penabad, 1ºBAC

Todo o seu mundo eras ti,
o da miña mellor amiga.
O mundo daquela muller
hoxe desaparecida.
O día da cerimonia,
o día máis especial,
vós chorando de alegría,
iades casar.
Ela era feliz contigo,
estaba triste sen ti,
pero pola túa repentina tolemia
agora, as cousas non son así.
Polos teus únicos problemas,
cometiches unha traizón.
Dende o primeiro golpe
ROMPÍCHESLLE O CORAZÓN.
A súa saúde empeoraches,
por iso ela se queixou.
Hai un erro nesta sociedade:
a muller sofre discriminación.
Agora xa non está.
Só unha esperanza lle queda:
que noutra vida poida
esquecer o da pasada.

Rosalía López Pita, 1ºBAC

Mulleres maltratadas
sofren en silencio día a día.
Teñen medo
e viven nun eterno sufrir,
nun sufrir que é como non vivir.
Teñen que denunciar
e nunca deixar de loitar.

Yurena Iglesias Sammartín, 1ºBAC






Desprecemos a discriminación de xénero.
Combatamos a opresión machista.
Acabemos co adxectivo de
muller maltratada.
Rexeitemos a inxustiza
e
loitemos contra a desigualdade.

Francisco Prieto Chao, 1ºBAC




MANIFESTO

SOMOS OS DEFENSORES da non violencia, da xustiza, da liberdade dos dereitos e da verdade e ESTAMOS FARTOS DE: ter que aturar día a día noticias catastróficas de mulleres asasinadas ou mutiladas a mans de” homes” que non son persoas e ver como esta cifra aumenta ano a ano. De ver que aínda hoxe as mulleres non teñen os mesmos dereitos que os homes. De ver mulleres con medo porque os homes se consideran superiores. De ver mulleres que se senten ameazadas ante unha mirada ou xesto. De ver que aínda hai mulleres que calan o seu maltrato por medo ao maltratador. De ver que estas mulleres se senten soas e non encontran apoio e comprensión na sociedade. De ver mulleres convertidas en sacos de boxeo. De ver mulleres que viven condenadas a vivir un inferno en vida. De ver que todo isto é unha cadea sen fin. E por todo isto ROGAMOS, REZAMOS, SUPLICAMOS, ORDENAMOS, ESIXIMOS, BERRAMOS QUE: Rompamos esta cadea.

Que se acaben as diferenzas entre homes e mulleres.

Que non haxa mulleres que vivan con medo,

QUE AS MULLERES POIDAN VIVIR LIBREMENTE

Que se respecten os DEREITOS HUMANOS

Que non haxa máis mulleres obxecto

Que non se sintan nunca máis inferiores a ninguén

Que recordemos que TODOS E TODAS SOMOS IGUAIS: PERSOAS.

Que acabe tanto o maltrato psicolóxico como físico.

QUE A PARTIRES DE XA, DE AGORA, NESTES MOMENTOS A MULLER POIDA VIVIR LIBREMENTE E CON DIGNIDADE.


Atentamente: os defensores da xustiza, 3ºESO do IES CASTRO DA UZ.

As Pontes 25 de novembro de 2009



As tres irmás Mirabal, eran dominicanas, nacidas en Ojo de Agua. Pertencían a unha familia que perdera case toda a fortuna cando o ditador Trujillo chegou ao poder. As tres irmás opuxéronse á ditadura, formaron un grupo chamado Agrupación Política 14 de Xuño. Dentro deste grupo eran coñecidas como “As bolboretas”. Foron encarceradas e torturadas varias veces e malia iso seguían loitando. Trujillo decidiu asasínalas o 25 de novembro de 1960. Enviou un comando militar para que as detivesen cando viñan de visitar os seus maridos na cadea. Leváronas a unhas plantacións de canas e alí foron apuñaladas varias veces e estranguladas. Logo, leváronas de novo no coche e tiráronas por un barranco no vehículo para semellar un accidente. No Primeiro Encontro Feminista Latinoamericano de 1981, en Bogotá (Colombia), a Delegación Dominicana propuxo a elección do 25 de novembro como o día da loita contra a violencia de xénero. O 17 de decembro de 1999 a Asamblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller en conmemoración do sacrificio das irmás Mirabal.

Francisco Xosé Corral Fresco, 2º ESO


¡Atrévete a dicilo, entre todos protexerémoste!

¡A violencia de xénero é de covardes!

¡Non a violencia de xénero, si á vida!

¡Homes e mulleres temos dereito á vida!


2º ESO
CARTA AO DIRECTOR

DÍA 25 DE NOVEMBRO

Aínda hoxe se segue asociando á muller coa persoa encargada de estar na casa e coidar dos fillos. Por que? A razón é que fomos criados nun mundo machista, no que nos vemos obrigadas a vivir baixo a “soberanía” do home. Quero dicir con isto que a discriminación da muller só se atopa na desigualdade no mundo laboral? Non, quizás esa sexa a nosa discriminación, a das mulleres que temos a sorte de vivir en países desenvolvidos. Pero, que é a discriminación para aquelas mulleres que viven en países subdesenvolvidos? Sen dúbida unha bastante máis dura cá nosa, unha situación que as leva a “unha morte prematura”. Cada ano millóns de mulleres “desaparecen”, son apadumadas, violadas, sometidas a todo tipo de vexacións sen que ninguén faga nada por evitalo, e o que é peor, por impoñer xustiza. Esta é a crúa realidade, unha realidade que temos diante dos nosos ollos e que parece que ignoramos. “Millóns de nenas chinesas son secuestradas e levadas a bordeis cada ano”; “centenares de mulleres africanas sofren a fístula obstétrica cun posterior rexeitamento, incluso, da súa familia”. Ao ler este tipo de noticias, as miñas preguntas son moitas: ¿ Cal se supón que é entón a prioridade da Organización Mundial da Saúde?, ¿ E a nosa?, ¿Como é posible que non fagamos nada? ¿Como podemos ser tan egoístas? O certo é que parece que só nos importa a nosa comodidade. A discriminación de xénero non é algo que poidamos amañar dun día para outro, de feito, penso que vai ser unha tarefa difícil e longa. Pero está claro que non conseguiremos nada se nos cruzamos de brazos. O que temos que facer é loitar e rebelarnos ante estas desigualdades, e o máis importante: educar os nosos fillos con outra mentalidade para que eles e elas non teñan que seguir recordando un 25 de novembro por este motivo.

Andrea Fraga Arnoso, 1ºBAC




No hay comentarios: