lunes, 5 de noviembre de 2012

O soño das árbores celtas


O SOÑO DAS ÁRBORES CELTAS



O pasado Luns 28 de maio, os “Argalleiros e argalleiras das letras” do IES Castro da Uz fomos á biblioteca municipal das Pontes  presentar o noso libro: O soño das árbores celtas, no cal participamos todos tanto escribindo preciosos relatos como ilustrando os mesmos. Arredor das catro e media da tarde chegamos á biblioteca, algúns máis nerviosos que outros xa que ían ler un fragmento do noso libro.  Non agardabamos moita xente co cal levamos unha grata sorpresa cando vimos os nosos pais, veciños e interesados polos futuros escritores da nosa vila alí.  Carmen, unha das máis pequenas argalleiras, comezou a presentar o acto cunha simpatía innata, que xunto con Janira, Natalia e Miriam, autoras do prólogo, explicaron o argumento do noso libro. Logo, Lucía e Andrea, dúas marabillosas ilustradoras, explicáronnos o significado dos seus debuxos.
Para rematar o acto, leuse un poema creado por nós na nosa “expedición” a Madrid no día do libro así como varios fragmentos do noso libro.
Agora deixámosvos que vos deleitedes con algúns do relatos e ilustracións que fan recordarnos o noso lema: “ Ler é un pracer. Ler o que escriben os demais unha viaxe. Ler o  que escribimos nós, un soño compartido.”

A INSPIRACIÓN
Agora hai novidades. Miro doutro xeito, escoito doutro xeito, penso doutro xeito e, sobre todo, sinto doutro xeito. A pluma flota sobre o papel, deixando as miñas ideas escritas. Isto non sempre foi así. Houbo un momento no que sentía como se o meu cerebro tivera unha ventá aberta e se rematasen as ideas. Botáballe a culpa á inspiración, pero a inspiración non é maxia. A inspiración chega a partires do traballo, de borrar e borrar e volver comezar. Só así aparece esa chispa que che fai sentir que todo o traballo merece a pena.

                                            Autor do texto: Manuel Puentes, 1ºBAC
Autora da ilustración do bidueiro: Andrea Castro,4ºESO


A CREATIVIDADE
Contan que hai moitos anos, nunha tarde soleada, un esquío paseaba entre árbore e árbore buscando alimento ata que chegou a unha que tiña uns froitos estraños. O esquío comeu un deses froitos e de súpeto comezou a pintar, debuxar, danzar... Din que aí naceu a creatividade e descubriuse o importante que é para o mundo, xa que dende aquela non todo é negro e branco, senón que empezaron a existir as cores e a diversión.

Autora do texto: Carmen González, 2º ESO
Autora da ilustración da faia: Ana Baamonde, 2º ESO

Recomendamos a lectura de O soño das árbores celtas.
Laura   Franco Montero, 1ºBAC

No hay comentarios: