martes, 18 de octubre de 2016

UN ANO MÁIS

@s argalleir@s das letras volvemos con todas as nosas enerxías para compartir, con todos e todas vós,   as actividades que temos previstas neste curso.



Xa queriamos comezar a escribir antes, pero estivemos agardando por algo que non chega...
O curso pasado convertémonos en "Bibliotecari@s solidari@s" porque axudamos a que a nosa biblioteca volvese ser o noso lugar de encontro, o espazo no que compartimos lecturas, traballos, experiencias..., e fixemos que cada día fosen máis os compañeiros e compañeiras que a visitasen e coñecesen o seu funcionamento e todos os recursos que lles ofrecía. Foi moito o traballo, xa que houbo que facer un expurgo, actualizar  fondos -xa vedes como fomos coñecendo as palabras que hai que empregar neste espazo-, retirar libros, recolocar e saber o que signfica a CDU. Un traballo moi custoso!
Cando comezamos o novo curso fomos directos á biblio para falar coas profes e preguntarlles cando comezaban os clubs de lectura e se había algo que facer. Elas dixéronnos que tiñan unha sorpresa para nós, pero que nola entregarían cando comezaramos a primeira sesión. Chegou o día e todos e todas estabamos pensando na sorpresa cando, comezaron a repartir diplomas. Non nos podiamos imaxinar que o noso traballo tivese un final tan feliz, pero PRONTO A FELICIDADE CONVERTEUSE EN TRISTEZA. Tod@s comezamos a dicir: " Profe, que Antonio non ten diploma". Non imaxinades as caras de tristeza de todos e todas. Pero sempre hai solución. As profesoras desculpáronse con Antonio Fraguío e comentáronnos os pasos a seguir. Sabemos que chamaron a Santiago e falaron coas xefas das bibliotecas para dicirlles que un alumno quedara sen diploma, que fora culpa delas e que lles pediran que, por favor, imprimisen o seu diploma. Estamos agardando por el, pero aínda que non chegue, queremos dicir que ANTONIO FRAGUÍO foi un bibliotecario solidario e seguirá séndoo, con ou sen diploma, porque todos os nosos van para el.
TODOS CONTIGO, ANTONIO

No hay comentarios: