Noite de Cine 2019
Coma todos os anos,un xoves de novembro (concretamente o día 28), o alumnado do Club de Lectura “Argalleiros e
argalleiras das Letras” do IES Plurilingüe Castro da Uz, reuniuse no salón de
actos para gozar da ansiada Noite de
Cine. Tamén estiveron con nós os nosos compañeiros e compañeiras do IES Muralla
Romana de Lugo, acompañados da nosa querida Chelo. Agasalláronnos con bolis para todo o alumnado e libros para nosa biblioteca.
A idea era estar alí todos
reunidos ás 18:30h, así que algúns dos membros do noso Club, como mostra da súa
solidariedade, axudaron a colocar as colchonetas no salón de actos. Logo disto
chegaron os rapaces e rapazas do Muralla. Grazas ao “responsables e ordenados”
que somos (e ás ganas que tiñamos de ver e falar cos compis do Muralla), o
inicio da proxección retrasouse un chisco.
A primeira película que vimos foi
El héroe de Berlín”, ambientada no
época da segunda guerra mundial, durante o dominio nazi. Con esta película
decatámonos da represión que sufriron algúns grupos étnicos e relixiosos nesa
época.
Ao rematar a primeira proxección,
e famentos como estabamos, botámoslle o dente ás deliciosas pizzas que
remataban de chegar quentiñas.
Cando rematamos, xa satisfeitos,
comezamos ver a seguinte película: Ex-Machina
(dixéronme polo pinganillo que foi a mellor de todas...). É unha película
futurista que trata o tema do feminismo. Nela unha rapaza-robot marcha soa a
vivir a súa vida.
Despois de comentar a película co
micrófono e moitos intentos de calmarnos das profes (como aguantan as
pobriñas...), comezamos a visualizar a seguinte película Divergente. Esta tamén
gustou moito ao público. Falaba dunha sociedade futurista na que as mozas e
mozos debían atopar as ferramentas para salvar un mundo dividido en función das
habilidades das persoas que formaban esa sociedade.
Tras unha breve pausa para ir ao
escusado ( e para encher o bandullo de novo), continuamos coas proxeccións. A
seguinte foi Custodia Compartida. Película
un pouco dura, que amosaba os problemas dunha parella divorciada cun fillo e
onde o pai tiña unha actitude machista e violenta.
A continuación, xa algo cansos e
co Pedro Chosco asomando, comezamos a
ver El Dador. Unha película onde todo
é perfecto, monótono e onde a cor e os sentimentos non existían para todos.
Despois de toda a noite, tocou
deixar o salón de actos impoluto e relucinte como antes de comezar, isto é, as
colchonetas ao pavillón, as vasoiras para recoller os restos de chuminadas que
degustamos, as sillas de novo á súa posición inicial,.... O alumnado do Muralla
marchou para Lugo moi cediño (por suposto, agardamos contar con vós o vindeiro
ano) e nós fomos tomar o merecido almorzo.
Logo disto tocou incorporarse ás clases con
“normalidade” aínda que, como poderedes supoñer, un
pouco adurmiñados.
Carmela e Calpita
No hay comentarios:
Publicar un comentario