O día 11 de xaneiro tivemos o pracer de ter con nós ao prezado escritor XESÚS FRAGA, nun encontro literario organizado pola Biblioteca e o Club de Lectura dos argalleir@s das letras.
Xesús, que naceu en Londres onde pasou a súa primeira infancia, é licenciado en Xornalismo e actualmente traballa como redactor na sección de Cultura do periódico “La Voz De Galicia”.
Como escritor cultivou tanto a narrativa infantil e xuvenil coma a narrativa para adultos. Entre as súas obras destaca especialmente Reo, libro do que puidemos descubrir os seus segredos grazas á entrañable conversa que mantivo co noso alumnado.
Reo, actualmente vai pola 4ª edición, foi distinguida co Premio Raíña Lupa e o Fervenzas Literarias ao mellor libro de literatura xuvenil. Esta obra conta a historia dun rapaz calquera nun barrio calquera, que é o rei dos grafitis na súa cidade: todas as paredes están marcadas coa súa sinatura. É a válvula de escape para todas as preocupacións que sobrevoan a súa cabeza e non hai ninguén que lle discuta ese dereito.
Tamén puidemos coñecer de primeira man algunhas pinceladas da súa novela Virtudes (e Misterios) galardoada co Premio Blanco Amor de Novela 2019. Nela conta a emigración desde a parte dos retornados e fai o relato dunha epopea como a que protagonizaron tantas mulleres galegas que, levadas pola adversidade, rematan percorrendo o mundo na procura dun futuro mellor.
Grazas Xesús por compartir con nós, e con tanta amabilidade, as túas experiencias dende o corazón.
No hay comentarios:
Publicar un comentario