O día 23 de Abril, o noso alumnado do club de lectura argallantes das letras comezou a tradicional viaxe do Día do Libro. Planificamos unha bonita ruta polas cidades de Vigo, Porto e Coimbra.
Día 1
Pola mañá visitaron o Museo Municipal de Vigo “Palacio de Quiñones de León” onde gozaron da Pinacoteca Francisco Fernández del Riego e puideron ver a exposición "Nos vieiros da arte". Tamén percorreron a Casa da Cultura Galega, na que contemplaron a exposición "60 pezas para 60 anos", colección da Fundación Penzol .
Moita ilusión entre a rapazada, que levaba meses esperando por esta viaxe !!!
Día 2
Pola mañá, nada máis almorzar, encontráronse co guía para realizar unha
visita panorámica camiñando polo centro de Porto. Gustolles moito o percorrido
pola Ribeira, chegando ata a Catedral,
e logo ata a estación de Sao Bento onde puideron contemplar o fermoso vestíbulo
dos azulexos.
Continuaron cun percorrido pola estrada e a beira do río Douro ata chegar ao Castelo de Queijo en Matosinhos.
Tralo xantar, tiveron o privilexio de gozar do Cruceiro das Sete Pontes polo río Douro, rematando a xornada lendo no Jardim do Morro, en Vila Nova de Gaia, as Fábulas Imorais de José Alberto Braga.
Día 3
Dedicaron o día a percorrer a bonita cidade de Coimbra, visitando a
súa Catedral e a emblemática Universidade. Nesta última, impresionaban as
salas de Armas, a dos Capelos e a do Examen Privado, e por suposto a
maxestosa Biblioteca Joaninha.
Pola tarde, continuaron en Coimbra, e visitaron o parque temático de Portugal dos Pequeninos, que conta con reproducións a escala infantil dos monumentos máis representativos da historia e arquitectura portuguesa.
Entre os recunchos destes edificios realizaron a lectura continuada do
libro Fábulas Imorais que comezaron o día anterior en Porto.
Día 4
Chegou o remate desta fermosa viaxe ao veciño Portugal!!
Despois de ter lido nos xardíns da cidade os libros escollidos para este
ano, non podían marchar sen visitar a fermosa Livraria Lello, e mercar algúns
exemplares en portugués.
Finalmente, para a súa sorpresa, o profesorado tiña feita unha reserva no
famoso restaurante Hard Rock Café.
Temos que agradecer ao profesorado, María Alvariño, Diego Cebreiro, María Galdo, Elena García e Rebeca Gómez que fixeron posible un ano máis, que a cultura, a convivencia e a lectura nos acompañen na tradicional viaxe dos nosos Argallantes das Letras.
No hay comentarios:
Publicar un comentario