lunes, 30 de abril de 2012

Día do libro 2012 en Xixón


Este ano os “Argalleiros e argalleiras das letras” fomos celebrar o Día do Libro a Gijón.

Esta vez, acompañáronnos  algúns alumnos do IES Moncho Valcarce, que querían compartir esta experiencia con nós.  

O día 22, tiñamos pensado saír das Pontes ás dúas e media, pero trouxeron o bus equivocado, e por iso, saímos media hora máis tarde. Mentres que esperabamos, xantamos e comentamos o desfile que os nosos compañeiros de 3ºESO fixeran no cine Alovi. 
 

Cando iamos cara a Gijón, fixemos unha parada no Hotel Consuelo para ir ao baño e descansar, pero estaba pechado e tivemos que continuar un pouco máis ata o seguinte restaurante que atopamos.
Unha vez en Gijón, instalámonos no Hotel Begoña e fomos dar un paseo ata o paseo marítimo. Íamos ir  ver as Termas, pero xusto ese día estaban cerradas, o que demostraba a nosa mala sorte. Subimos e baixamos a Escalerona tres veces, “grazas” a Chelo e Silvia; en teoría, ao facer isto, tíñase que cumprir o desexo que pediras, pero non pasou nada, o que significa que nos enganaron. Estivemos buscando toda a tarde un Starbucks inexistente, como puidemos comprobar; así que, moi tristes, fomos comprar un xeado. Estivemos falando cun señor moi raro, que levaba bonecas espidas atadas á bicicleta. Á hora de cear, uns fomos ao Pizza Móvil e outros ao Burguer King. Nós, decidimos ir a Pizza Móvil, onde Alberte e algúns do Moncho, puxéronse a xogar na zona infantil. Despois de cear estivemos nun parque esperando polas profesoras e cando chegaron decidimos ir ao hotel.
Unha vez alí, fomos ás habitacións e puxémonos o pixama para comezar a expedición polo hotel. Mentres que Chelo, Silvia e as profesoras do Moncho tomaban unhas cervexas e vían “Gran Hermano”, nós visitabamos os compañeiros. Cando xa era máis tarde e xa non podiamos facer ruído, as profesoras comezaron a súa peregrinación. Chelo encontrouse coas cousas máis estrañas: xente durmindo no chan ao lado do ascensor,  quince persoas na mesma habitación...

Á mañá seguinte, viñeron as profesoras chamando á porta de cada habitación para espertarnos e controlar o estado desta. A continuación, baixamos a almorzar e foi chegando a xente. Representantes de cada curso tiveron que ir  desculparse coa recepcionista polo ruído causado a noite anterior e esta díxolles que non fora para tanto. En canto recollemos todo, saímos cara á Universidade Laboral de Gijón. Alí, unha persoa de cada instituto, comezou a escribir no seu lenzo e así comezou a actividade. A lectura do libro deste ano ( O neno can) realizámola no Paraninfo da Universidade, un auditorio onde se dan charlas. Chelo tiña dividido o libro en diferente partes, que limos entre todos e cada un escribía a palabra que elixira da parte que lera. Cando acabamos de ler, comezamos a facer o poema. Non acabamos o poema nese intre, xa que elixiramos unhas palabras moi complicadas, como por exemplo AUTÓMATA. Continuamos a composición cando rematamos de comer no patio da Universidade, pero seguiamos sen finalizalo. Fómonos ao Mirador de Chillida a rematar o poema. Facía moito vento e todos queriamos irnos e por iso saíunos “así, así”. Mentres volviamos cara Ás Pontes tivemos que refacer case todo ata que Chelo estivo contenta, e aínda así tivemos que volver traballalo ao día seguinte. Para descansar paramos en Cudillero, que algunhas persoas confundimos con Culleredo. 

No hay comentarios: