Mostrando entradas con la etiqueta Actividades. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Actividades. Mostrar todas las entradas

domingo, 17 de mayo de 2020

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2020


17 DE MAIO DE 2020
DÍA DAS LETRAS GALEGAS   
RICARDO CARBALLO (CARVALHO) CALERO 



Estimado alumnado do IES Plurilingüe Castro da Uz:
Antes de nada, desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, desde o Club de Lectura Argalleiros e Argalleiras das Letras e desde o Departamento de Lingua Galega e Literatura queremos agradecervos a ampla participación nesta proposta nosa. Son uns traballos magníficos, que vos fixeron saír da vosa zona confortable para demostrarnos unha fantástica creatividade.
Todas as actividades presenciais que tiñamos previstas para conmemorar ese día víronse adiadas ou suprimidas e, cavilando a maneira de celebrar esa efeméride e a das Letras Galegas en xeral, ocorréusenos unha argallada relacionada coas TIC, esas tecnoloxías da información que estamos a descubrir e das que temos que botar man para o desenvolvemento do noso labor como docentes e das que estamos aprendendo moito coa vosa axuda inestimable.
A argallada, como vistes, consistiu nun Booktrailer sobre un libro de lectura, do que estabades a ler ou dun que tivésedes a man. E claro... que era iso do booktrailer? Pois un vídeo con música, imaxes, texto e, por veces, mesmo actores que lles dan aos futuros lectores unha idea do que é un libro, co obxectivo de animalos á súa lectura.
Pretendiamos desta maneira, tamén, que reflexionásedes sobre as lecturas e que ao tempo sintetizarades os argumentos para intentar reflectir visualmente unha historia e animar á súa lectura.

BOOK TRAILERS Día das Letras Galegas

Aquí vos deixamos a ligazón aos vosos Book Trailers.

Moitísimas grazas pola vosa dedicación e creatividade!!!

Dexexamos que gocedes con estas pequenas obras de arte.



Ligazón Book Trailers


jueves, 23 de abril de 2020

Día do Libro 2020 - En confinamento!


23 de Abril. Día do Libro
Nestes días de confinamento, a mellor opción é un bo libro para facer voar a imaxinación.

Este curso non puidemos realizar a nosa tradicional viaxe para celebrar o Día do Libro, pero os argalleiros e argalleiras das letras encontraron a mellor compañía mergullándose nas súas lecturas e deixándonos estas fermosas fotos!!!

Moitas grazas!!!


domingo, 16 de febrero de 2020

Día Internacional da muller e da nena na Ciencia 2020

O martes  11 de febreiro, conmemorouse o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia.  Ao longo de toda a semana  participamos en actividades que axudan a:
- Visibilizar o traballo das científicas
- Crear roles femininos nos ámbitos da ciencia e a enxeñería
- Promover prácticas que favorezan a igualdade de xénero no ámbito científico.



Da man de Elena, profe de Física e Química, fixemos un bo traballo de investigación e descubrimos que unha gran cantidade de mulleres foron pioneiras no mundo da ciencia, atopando importantes referentes femininos.


Presentámosvos algúns exemplos das mulleres que descubrimos esta semana e que foron fundamentais na ciencia ao longo da historia.































lunes, 3 de febrero de 2020

DIA DA PAZ 2020


O 30 de xaneiro celebramos no noso centro o DIA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E DA PAZ
Ao longo das semanas previas a este día os nosos argalleiros deseñaron as súas propias camisetas con orixinais ideas relacionadas coa temática da paz.
    
        
                                                           
Despois lucímolas mentras cantabamos a canción Imagine de John Lennon, animando a imaxinar un mundo en paz e sen barreiras.
                        

                        

jueves, 19 de diciembre de 2019

Obradoiro: "Feminismo en Nicaragua hoxe; a defensa dos dereitos humanos"

QUEN QUERE SER MILLONARIO?

A través dun divertido xogo pretendían que o alumnado  descubrise a realidade que se vive todos os día no noso mundo. Pretendían que empatizasen coas situacións reais que se dan nalgunhas partes do mundo  como Nicaragua, que son a consecuencia dos actos doutras persoas que viven a miles de Km de distancia.
A traves do xogo traballaron conceptos como as desigualdades, as migracións, a defensa dos dereitos humanos, as equidades de xénero, o consumo responsable, o respecto ao medio ambiente...


lunes, 2 de diciembre de 2019

IX MARATÓN DE CINE

Noite de Cine 2019




Coma todos os anos,un xoves de novembro (concretamente o día 28), o alumnado do Club de Lectura “Argalleiros e argalleiras das Letras” do IES Plurilingüe Castro da Uz, reuniuse no salón de actos para gozar  da ansiada Noite de Cine. Tamén estiveron con nós os nosos compañeiros e compañeiras do IES Muralla Romana de Lugo, acompañados da nosa querida Chelo. Agasalláronnos con bolis para todo o alumnado e libros para nosa biblioteca.


                   
                                           




A idea era estar alí todos reunidos ás 18:30h, así que algúns dos membros do noso Club, como mostra da súa solidariedade, axudaron a colocar as colchonetas no salón de actos. Logo disto chegaron os rapaces e rapazas do Muralla. Grazas ao “responsables e ordenados” que somos (e ás ganas que tiñamos de ver e falar cos compis do Muralla), o inicio da proxección retrasouse un chisco.

A primeira película que vimos foi El héroe de Berlín”, ambientada no época da segunda guerra mundial, durante o dominio nazi. Con esta película decatámonos da represión que sufriron algúns grupos étnicos e relixiosos nesa época.



Ao rematar a primeira proxección, e famentos como estabamos, botámoslle o dente ás deliciosas pizzas que remataban de chegar quentiñas.

Cando rematamos, xa satisfeitos, comezamos ver a seguinte película: Ex-Machina (dixéronme polo pinganillo que foi a mellor de todas...). É unha película futurista que trata o tema do feminismo. Nela unha rapaza-robot marcha soa a vivir a súa vida.

Despois de comentar a película co micrófono e moitos intentos de calmarnos das profes (como aguantan as pobriñas...), comezamos a visualizar a seguinte película  Divergente. Esta tamén gustou moito ao público. Falaba dunha sociedade futurista na que as mozas e mozos debían atopar as ferramentas para salvar un mundo dividido en función das habilidades das persoas que formaban esa sociedade.

Tras unha breve pausa para ir ao escusado ( e para encher o bandullo de novo), continuamos coas proxeccións. A seguinte foi Custodia Compartida. Película un pouco dura, que amosaba os problemas dunha parella divorciada cun fillo e onde o pai tiña unha actitude machista e violenta.



A continuación, xa algo cansos e co Pedro Chosco asomando, comezamos a ver El Dador. Unha película onde todo é perfecto, monótono e onde a cor e os sentimentos non existían para todos.

Despois de toda a noite, tocou deixar o salón de actos impoluto e relucinte como antes de comezar, isto é, as colchonetas ao pavillón, as vasoiras para recoller os restos de chuminadas que degustamos, as sillas de novo á súa posición inicial,.... O alumnado do Muralla marchou para Lugo moi cediño (por suposto, agardamos contar con vós o vindeiro ano) e nós fomos tomar o merecido almorzo.
Logo disto tocou incorporarse ás clases con “normalidade” aínda que, como poderedes supoñer, un pouco adurmiñados.
  

Carmela e Calpita

lunes, 25 de noviembre de 2019

Día Internacional Contra a Violencia de Xénero

25 Novembro. Día Internacional contra a violencia de xénero



Un ano máis volvemos manifestar incondicionalmente o noso apoio ao “Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller”.


Para a conmemoración deste día o noso alumnado participou en diferentes actividades:


  • Elaboración dun lazo humano no pavillón polideportivo.
  • Lectura polo alumno de 3º de ESO Victor M. Pellón, dun poema do autor Carlos Negro.
  • Concurso de cancións coa letra modificada para adaptala á temática do día. Agradecemos a colaboración e implicación de Anpa Ronsel que agasallou as mellores.

Aquí tedes o noso lazo humano...



Victor M. Pellón, lendo un poema de Carlos Negro


Concurso de cancións con letras feministas modificadas


Chanzos Faladeiros


As argalleiras e argalleiros das letras comezamos o curso lendo, como non podía ser doutro modo. Este ano somos tantos os membros do club que tivemos que dividirnos en grupos, pois a biblioteca se nos queda pequena para acoller a todo o alumnado que quere participar da maxia da lectura.

Pero como o club é moito máis... comezamos cun proxecto no que reflexionamos sobre o noso papel como actores e actrices principais na loita polo cuidado do medioambiente. A pregunta é sinxela “Que podo facer eu para cuidar o meu planeta?” . A resposta non é tan doada, tratábase de pensar en pequenos xestos diarios que axuden no cuidado deste planeta, posto que non temos recambio para el.

Ao principio non se nos ocurrían grandes ideas “Eu non tiro plásticos ao mar”, “Se o planeta queres cuidar, todo xuntos temos que traballar”,..., pero con este tipo de compromisos non imos chegar moi lonxe. Foi preciso centrarse e estruxar un pouco o cerebro... Pouco a pouco foron xurdindo varias ideas máis asumibles e que tod@s podemos poñer en práctica. Timidamente ían aparecendo novas propostas no buzón que se ubicou no hall do insti. Aquí tedes algunhas mostras das aportacións rexistradas:







A continuación realizouse unha tarefa de selección, coa colaboración de varias profes, Patricia (Francés), Sofía e Flora (Inglés) e María (Galego). Decidiron, con bo criterio que, como estamos nun centro plurilingüe, poderiamos escribir as frases escollidas alternando os tres idiomas, polo que tras a selección inicial, as 16 frases seleccionadas para os 16 chanzos faladeiros son as seguintes:

         I switch off the lights if it isn´t necessary.
         I use cloth bags instead of plastic bags.
         I reuse paper
         I buy and sell second-hand stuff on Wallapop.
         I switch off electric devices which I am not using.

         JE ME DOUCHE, JE NE ME BAIGNE PAS.
         JE CLASSIFIE ET RECYCLE LES ORDURES.
         J’ACHÈTE LES PRODUITS DE MA RÉGION.
         J’UTILISE DES LAMPES ÉCOLOGIQUES.
         J’UTILISE DES APPAREILS ÉLECTROMÉNAGERS EFFICACES.

         Pecho a billa cando non preciso a auga
         Vai ao insti en bici ou andando, acaso non ves que estás contaminando!!!
         As botellas de plastic son máis baratas, pero os cartos non mercan a saúde!
         Encho lavadora e lavalouzas antes de poñelos a funcionar
         Non tiro cousas ao chan
         Os alimentos mellor a granel, non envasados

Agora só queda ver o resultado final, unha vez colocadas as nosas propostas nos chanzos das escaleiras do hall... xa volas ensinaremos


miércoles, 30 de octubre de 2019

SAMAIN. RELATOS TERRORÍFICOS...

Non podiamos pasar sen celebrar o Samaín.

Ademais de cestas e cabazas decoradas para a ocasión...


...puidemos darlle aos miolos para escribir TERRORÍFICOS RELATOS CURTOS, que meteron nun apreto ao xurado dada a boa calidade dos mesmos.



viernes, 18 de octubre de 2019

ACTUALIZAMOS, RENOVAMOS E ORDENAMOS A BIBLIOTECA, O NOSO ESPAZO


Os e as máis pequen@s comezan a moverse pola biblioteca como pola súa casa. Xa son quen de ordear os nosos exemplares axudados polos máis veteranos.

Colocamos tamén as novas adquisicións, algunhas das cales imos ler este curso.




Comezan as primeiras lecturas. Isto xa está en marcha!!!


lunes, 10 de junio de 2019

SECCION DE ENTREVISTAS

Radio Ras seguiu emitindo todos os recreos para informar das novas de interese, achegar a música solicitada, entrevistar as personalidades que se achegaban ao centro, ou que nós elixíramos. Este curso recomendámosvos escoitar a entrevista a Marina, amante da lectura e profesora de Física e Química do noso centro, pertencente ao equipo da biblioteca durante os últimos anos.



¡¡Grazas Marina por compartir con nós estas bonitas verbas!!

domingo, 19 de mayo de 2019

ANTÓN FRAGUAS. DIA DAS LETRAS GALEGAS

Para comemorar o día das letras galegas, os argalleiros das letras limos o libro de Héctor Cajaraville titulado ''Antonio Fraguas O bo mestre, o mestre bo''.

Aquí deixamos unha mostra das lecturas compartidas que fixo o alumnado que forma parte do club de lectura:



viernes, 10 de mayo de 2019

DÍA DO LIBRO 2019 - León

Este ano non nos importou acurtar as vacacións de Semana Santa, porque nos podía máis a ilusión de comezar a nosa primeira aventura e andanza compartindo a actividade que, @s  nos@s compañeir@s -e agora ademais AMIG@S-, @s argalleir@s das letras veñen realizando dende hai moitos anos para celebrar o DÍA DO LIBRO, e demostrar o poder que ten a lectura.
Cando subimos ao autobús en Lugo para reunirnos cos Argalleir@s das Pontes e iniciar esta andanza, recoñecemos que nos sentiamos un pouco insegur@s e nervios@s, xa que el@s levábannos moita vantaxe nesta actividade e nós non tiñamos moita confianza como para pedirlles "axuda". O certo é que só fixo falta chegar a León e comezar a coñecer esta cidade para ir "socializando". Pouco a pouco iniciamos unha relación de compañeirismo que culminaría nunha AMIZADE sincera e, agardamos, duradeira.

Tiñamos pensado realizar a lectura continuada de Enderezo descoñecido, Kressmann Taylor na Plaza del Grano, pero a climatoloxía fíxolles pensar ás profes que non era moi recomendable para a nosa saúde, xa que corriamos o risco de quedar conxelad@s.
 


Decidiron solicitar unha sala de reunións no hotel no que nos hospedabamos, e así foi como comezamos o día 23 de abril.
Sentamos e escoitamos atentamente as recomendacións das profes, lembrándonos a orde de lectura, a lingua na que leriamos ( a quen se lle ocorrería a xenial idea de ler a obra en galego, castelán, inglés e francés???), a elección da palabra, escribila nos dous lenzos para finalizar a actividade que, este ano, nos sorprendería a tod@s?


Comezamos a lectura, e de catro en catro iamos subindo ao escenario para ocupar os nosos lugares diante das gravadoras e do micro. O inicio foi un pouco caótico, xa que nos resultaba difícil seguir a lectura nas catro linguas, aínda que tiñamos exemplares para facelo. Como era imprescindible asimilar a mensaxe da obra, decidimos que, unha vez rematada a lectura entre tod@s, se relese só nunha lingua. ASÍ O FIXEMOS. Imaxinades o tempo que nos levou?


Tiñamos moitísima fame, pero sabiamos que aínda faltaba o traballo máis duro: compoñer o poema. Pero saltou a SORPRESA! As profes decidiran seguir o estilo do libro e compoñer, este ano, UN CABLEGRAMA coas palabras elixidas. Tod@s comezamos a mirarnos, a preguntar: un que? Que é iso? Logo das explicacións - que pouc@s ou ninguén entendeu- deixáronnos tempo libre para comer e traer a tarefa feita: elaborar por grupos ( gran idea, porque aínda nos unimos máis) o cablegrama. Que sobremesa vivimos!!!!!

Ás catro e media volvemos retomar o traballo. Facer fixemos o que puidemos e compartimos c@s nos@s compañeir@s os textos escritos. MEU DEUS! Cando falaron as profes, démonos conta de que non entenderamos o que era un cablegrama, e que  "san google" non sempre axuda. Pero ao ver que Ana, Elena e Chelo estaban orgullosas do noso esforzo, retomamos forzas para finalizar esta andanza e argallada como se merece.

Mirade que contentiñ@s estabamos lendo OS TEXTOS QUE REDACTARAMOS:


Aquí vai un exemplo de texto - a modo de CABLEGRAMA- que escribimos empregando "todas as palabras elixidas", e do que estamos orgullos@s porque conta o que significou esta actividade para nós: 

A NOSA HISTORIA
Eses MOZOS que comenzaron a súa HISTORIA sen moitos AMIGOS, sen moito ÉXITO, de dúas VILAS diferentes, pero coas mesmas LINGUAS. Todos coas súas VIDAS, coas súas FAMILIAS FELICES. Tivemos MENSAXES negativas e prexuízos sobre as outras PERSOAS aínda que foran DESCOÑECIDAS e ESQUECÉRONSE de que os prexuízos pesaban QUILOS no seu CORAZÓN e que as súas PALABRAS non tiñan PREZO. EU MESMO dinme de conta de que cada vez nos pareciamos máis aos XUDEUS na época do NAZISMO sen nengún tipo de CENSURA. E a DESESPERACIÓN por coñecerse fixo que todos as PEZAS encaixaran e deixaramos a CRUELDADE de lado. E esta é a nosa historia, a que explica como pasamos do ARREDISMO ao AGRADABLE e LIBERAL sabor do compañeirismo, e de como puxemos as CARTAS sobre a mesa. Durante demasiado tempo fomos IMPRUDENTES, pero grazas a DEUS, INOPINADAMENTE comezamos AXIÑA a SENTIRNOS verdadeiros AMIGOS. Os sentimentos PODEROSOS e a sensación de LIBERDADE fixeron que estas PERSOAS esquecesen os MESES de EXPOSICIÓN ao SUFRIMENTO polo ben da nosa SAÚDE, e foron FORNECENDO a nosa SENSIBILIDADE e a nosa disposición e soubemos o CONMOVEDORA que era a RIQUEZA da amizade e da ACCION LÍDER dos nosos actos. Cunha FULMINABLE mirada que condicionaba a nosa EXISTENCIA con esta MISTERIOSA XENTE que estaba tan CONTENTA e era tan GRANDE que terminaron XUNTAS. Ao final fuximos da MISERIA.

Noa, Aroa B., Aroa Bl.,  Candela, Paula, Alba T. e Nerea 
Lidos todos os textos, decidimos continuar o noso labor conxuntamente para conseguir o noso obxectivo: redactar o cablegrama coas palabras elixidas. Cremos que o conseguimos. Que opinades? 

Aquí podedes escoitalo na voz de Aroa, en representación de tod@s:


Claro, pensaredes que todo rematou. POIS NON!  Agora toca a parte final. Ilustrar o cablegrama no lenzo que temos para ese fin. Que debuxaremos? Como sairá???? Pois aquí podedes ver o resultado:



Seguro que con todo este traballo, algún club de lectura quere unirse a nós para o seguinte curso. AQUÍ ESTAREMOS ESPERÁNDOVOS.



DÍA DO LIBRO, LEÓN 2019

Argalleir@s das letras e Lectura e andanzas recoméndanvos LER para poder gozar, compartir e argallar andanzas.

Ata a próxima!

miércoles, 20 de marzo de 2019

VIII MARATÓN DE CINE

O día 8 de novembro de 2018 @s argalleir@s das letras, acompañad@s das nosas profesoras Ana e Elena (e os seus fillos) e, como invitados, os alumnos do club de lectura “Lecturas e andanzas” do IES Muralla Romana de Lugo e as súas profesoras Chelo e Amalia, realizamos unha actividade especial: o oitavo maratón de cine.
Pola tarde, os alumnos de 4º da ESO, algúns de 2º e outros de 1º, axudaron a levar as colchonetas do pavillón ao salón de actos. Como as colchonetas máis grandes eran pesadas e difíciles de pasar polas portas, os alumnos da ESA axudáronos un pouquiño. Aínda menos mal! Despois, recollimos todas as cadeiras do salón de actos e mentres tanto, apareceu Chelo. Vaia sorpresa nos levamos ao vela despois de tanto tempo. Ao cabo dun rato, chegou Cristina, antiga profesora de plástica no noso centro, e a súa filla Candela.


Coa chegada de Chelo, ela e as alumnas de cuarto ensinamoslles todos os traballos expostos nos corredores aos alumnos convidados. Cando xa estaba todo listo, a iso das seis e media, comezamos a chegar @s demais argalleir@s.  Logo de acomodarnos, comezamos a ver a primeira película, Campeones, cuns valores moi importantes dos cales temos todos que aprender, ademais de moi entretida! Antes de ver a segunda película cenamos unhas pizzas, para conseguir forzas e aguantar toda a noite espertos. A seguinte película foi Hachiko, unha película moi triste que provocou moitas bágoas e choros... que can tan sorprendente!
A continuación puxemos Perfectos desconocidos, unha película moi divertida e que sacou máis dunha risa, para compensar a Hachiko.
A seguinte foi Koe no katachi e, sorprendentemente, ninguén estaba durmido! Este ano os argalleiros aguantamos mais tempo ca outros anos, que nos quedabamos fritos no terceiro filme.
Cando por fin acabamos esta película, comezamos a ver a derradeira, Amour, aínda que moi poucos rematárona de ver e a ninguén lle gustou (do pouco que vimos). 


Tíñamos pensado ver Wall-e Batallón de Limpieza, pero non deu tempo. Ao remate da noite, algúns alumnos estaban moi animados e con forzas para afrontar o que quedaba, pero outros non tanto porque durmiran incomodamente, coma as alumnas de cuarto, que durmiron as tres unha encima da outra. Jessica declara que ela case nin durmiu, o que si, durmíuselle o brazo porque Sabela estaba enriba del, e Sara, durmiu no chán, entre as dúas colchonetas máis grandes.
Ao rematar, deixamos o salón de actos perfectamente recollido e fomos a tomar o noso merecido, un sorprendente almorzo.



Acabamos moi cansos e cansas pero pasámolo moi ben. Non queremos despedirnos sen agradecer a presenza das "Argalleiras das letras, Candela e Cristina", que estiveron con nós un ano máis. E por suposto, da nosa querida Chelo, que votábamos moito de menos e encantounos estar con ela unha vez máis. Grazas por seguir compartindo o que nos uniu e unirá sempre: o gusto por ler e compartir. 

Sabela, Sara, Jessica, Silvia e Xoel. 4º ESO